JESSI E IRENE, TRES MESES DESPOIS

Un referente é “alguén a quen lle podes contar as túas cousas, que che apoia nos bos momentos e nos malos, que sempre está xunto a ti”. A definición non é nosa, senón de Jessi, unha das nosas mozas participantes. Irene, xornalista de 27 anos, é a súa referente dende hai apenas tres meses. Non é moito tempo, pero cando hai conexión, mesmo un único día dá para moito.

 
Recentemente, o equipo de Hoxe Por Ti -o programa de temática social de Popular TV- visitounos na Coruña para interesarse polo proxecto referentes. Alí coñeceron a Jessi e Irene e, desa experiencia, resultou un vídeo que resume perfectamente o que o proxecto ten de ser. Nel as nosas participantes falan de como se coñeceron, de como foi desenvolvéndose a súa relación e, en definitiva, de todo aquilo que as une a día de hoxe. A nosa compañeira Pilar, coordinadora do programa na Coruña (á dereita na foto), apoia ademais os seus testemuños.
 
Neste momento, Jessi reside nunha das nosas vivendas Mentor e nela prepárase para a vida independente, a tempo que realiza prácticas profesionais como auxiliar de limpeza. Ao seu carón seguirá Irene ao longo deste proceso de aprendizaxe e, sobre todo, aí estará cando Jessi teña que enfrontarse ao momento da emancipación. “Dende o principio empezamos a collernos cariño e agora contámonos cousas, como facemos con calquera outra amiga”, conta Jessi.
 
Os profesionais que apoiamos aos mozos sen amparo familiar adoitamos dicir que, para eles, emanciparse equivale a dar un salto sen rede. Pero un referente, precisamente, pode ser esa rede que falta. “Con Irene síntome a gusto e recibo un grande apoio pola súa parte”, afirma Jessi noutro momento da entrevista. Ese apoio pode adquirir tanto un sentido práctico -axudando a resolver esas pequenas dificultades da vida diaria-, como emocional, achegando sosego, experiencia e visión ampla.
 
Agora ben, que ten que moverse dentro de un para querer ser referente? A cuestión non é complicada: as motivacións teñen que ser sinxelas e naturais. “Decateime de que podía aportar unha serie de cousas, compartir o meu tempo, falar e ter unha experiencia bonita”, explica Irene. Despois deste tempo de experiencia, e cando lle preguntan en que se considera valiosa para Jessi, a súa resposta é igual de clara. “Gústame pensar que lle dou consellos que, no seu momento, a min me gustaría ter recibido”.
 
Non o damos expresado mellor!

 

Menu politicas 2