Pilar (26 anos, A Coruña)

Eu creo que a vida en sí é un referente, tes referentes do que che gusta, do que non che gusta, do que queres, do que non queres, e do malo ou do negativo, desas experiencias "non tan boas" tamén se aprende moito. Máis entendendo por REFERENTE como o estamos enfocando, tiven a sorte de ter dúas grandes, unha desde que nacín; a outra "caeu" na miña vida nun momento no que o precisaba moito e me axudou a ver e a abrir os ollos en moitas cousas.
 
Para min, a miña gran referente foi a que tiven desde o momento do meu nacemento, e é miña nai. A súa vida para min foi un exemplo de superación de obstáculos, de pararse ante as dificultades e ter a capacidade de análise para poder buscarlles unha solución. É unha muller capaz de ilusionarse día tras día coas pequenas cousas da vida, cunha chamada, unha pequena aprendizaxe, un descubrimento... emocionarse cunha aperta sentida; non perde a ilusión, non perde a vitalidade. É unha referente para min pola constancia... polo compromiso... un valor que hoxe en día creo que na nosa sociedade está asoballado, baboseado, bastante perdido... ela mantense fiel aos seus ideais. Protectora, protectora coa familia, coa súa xente, consigo mesma. Non sei cómo logrou o equilibrio entre "disciplina e agarimo", eu sempre souben que ela estaba aí, que me deixaba caer e erguerme ante os meus fallos aínda que eu sabía que ela estaba xa a sufrir vendo co golpe que me ía a levar... pero deixoumos dar... e aprendín. Querer a alguén, e ver que se vai a esnafrar, aínda que é necesario, tenvos que ser moi difícil...  
 
Referente porque me ensinou o valor das cousas, xa non só o económico, senon o valor do esforzo, a cultura do esforzo, esforzarse "para", esforzarse porque "hai que". As normas... "tes dereitos, pero ti pensa tamén nos deberes". Nunca lle fixo falta erguer a voz... ten un control da mirada máis potente que Chuck Norris (impresionante...). Muller que adora o diálogo, só entende que os problemas se solucionan falando nun tono normal, e "se non estás tranquila vas ao teu cuarto e volves despois máis relaxada". Man de santo. Muller dun home traballador do mar, indo e vindo, ausentándose por mor do traballo, muller que leva a casa e a familia, que traballa déntro e fóra, que quere e se desvive pola familia e que a dota de valores e de aprendizaxe. Que se preocupa pola sociedade, pola natureza, que ten unha paciencia inmensa, parece a irmá do Santo Job (eu xa non vos teño tanta...); e que sabe escoitar. Miña nai, sempre soubo escoitar e sabe facelo. As miñas amigas viñan á casa, porque "túa nai mola, podo falar con ela e contarlle cousas" pero sempre tendo claro que ela, "non é unha colega".
 
Un equilibrio, unha mezcla que non todo o mundo entende pero que fixo que fose como son, en gran medida, a pesares dos meus defectos. Ela segue sendo a miña REFERENTE. Aínda teño tanto que aprender...

Menu politicas 2